Triacastela promociónase en Castela e León cunha reportaxe sobre o Camiño
O Concello de Triacastela promociona a localidade a través dunha reportaxe sobre o Camiño que xa foi emitida varias veces por televisión en Castela e León. En concreto, a peza puido verse en 8 Bierzo e está dispoñible tamén na canle Youtube.
A propia alcaldesa, Olga Iglesias, acompaña á reporteira polos lugares máis emblemáticos de Triacastela, aqueles que forman parte do Camiño Francés, co obxectivo de animar a máis camiñantes a percorrer a ruta xacobea cara a Santiago.
Ao longo do traballo audiovisual visítanse varios lugares de Triacastela, como o albergue de Fillobal, o famoso hórreo co tellado de palla, a igrexa de Santiago ou o castiñeiro de 800 anos, que a propia alcaldesa explica que “é un dos lugares máis fotografados do Camiño”.
Bo Camiño
Baixo o slogan de ‘Bo Camiño’, ademais do percorrido por Triacastela, son varias as testemuñas que contan a súa experiencia ata alcanzar á localidade e as súas motivacións para chegar a Santiago. Así, dáse conta das diferentes nacionalidades que ano tras ano pasan polo Concello, ata 150 diferentes.
Todas as testemuñas destacan de xeito especial que se trata dun “lugar único pola paisaxe e as súas xentes”. A rexedora recorda que xa no Códice Calixtino datado no século XII se facía referencia a Triacastela como final de etapa.
Olga Iglesias precisa que con este traballo “historia, cultura e tradición danse a man para seguir atraendo visitantes a Triacastela”. A reportaxe remata á beira do Río Oribio, afluente do Navia, antes de proseguir a ruta camiño de Sarria.
Ademais da difusión a través da canle de Castela e León, o Concello de Triacastela tamén lle dará publicidade nas súas redes sociais para que o vídeo constitúa un reclamo máis para achegarse á localidade.
Comments (0)