O Concello de Triacastela repite ante o seu grande éxito a experiencia dos paseos guiados con Guido Guía
O Concello de Triacastela e a Xunta de Galicia a través do Camiño Xacobeo repetirán este ano ante o seu grande éxito a experiencia dos paseos guiados co guía lucense Guido Guía.
Máis de 100 persoas de diferentes nacionalidades formaron parte do primeiro ciclo, unha gran oportunidade para descubrir e redescubrir as riquezas da localidade, desfrutar da natureza e de coñecer xente. De feito, os catro paseos do ano pasado brindaron aos participantes a oportunidade de mesturar xente local e da provincia con visitantes de fóra, convertendo as andainas nunha experiencia heteroxénea e de intercambio cultural.
4 novas saídas
Baixo o nome de ‘Triacastela Xacobea’ vanse ofertar de novo catro saídas diferentes para os meses de xullo, agosto, setembro e outubro completamente gratuítas e para todos os públicos.
En concreto, os paseos terán lugar os días 22 de xullo, 17 de agosto, 23 de setembro e 28 de outubro. Visitaranse algúns dos lugares do primeiro ciclo, como a capela de San Mamede, os miradoiros, o Camiño Francés, o núcleo urbano e tamén haberá novidades e alternativas.
Esta iniciativa correrá a cargo de Guido Guía, guía oficial de Turismo de Galicia especializado na nosa provincia e que vén de acadar distintos premios nos últimos anos polo seu proxecto turístico e a súa traxectoria profesional.
A hora de inicio dos paseos será ás once da mañá e terán unha duración de entre 2 e 3 horas. A dificultade dos paseos será media e media-baixa.
Como anotarse
Para inscribirse nestes paseos hai que enviar un correo electrónico a Guido no seu correo guidoguiaturismo@gmail.com e confirmar a asistencia.
A alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias, convida a participar de novo nesta experiencia que permitirá profundar no coñecemento do municipio e descubrir unha contorna en plena natureza chea de reclamos e sorpresas.
Comments (0)