Triacastela pecha hoxe tres días de arte colaborativa co proxecto O Banquete dos Paxaros
A Casa de Eirexavella converteuse durante esta fin de semana no escenario do proxecto de arte colaborativa "O Banquete dos Paxaros", unha iniciativa impulsada pola Asociación de Municipios do Camiño de Santiago (AMCS) dentro do proxecto "Trazas Vivas: Arte, Comunidade e Camiño", con dirección artística de Cecilia Pereira.
Ao longo das dúas primeiras xornadas, veciñanza, peregrinos e visitantes participaron en encontros comunitarios interxeracionais e obradoiros creativos arredor da proposta da profesora, investigadora e artista plástica Silvia García (Cangas, 1973), que convida a reflexionar sobre os vínculos entre comunidade, paisaxe e patrimonio cultural a través de procesos creativos compartidos. A programación conclúe este luns cunha xornada de portas abertas.
O sábado 1 de agosto púxose en funcionamento o forno da Casa de Eirexavella. Un dos veciños de Triacastela foi o encargado de roxar o forno para crear as condicións necesarias que permitisen desenvolver unha actividade de creación colectiva na que as persoas participantes elaboraron letras de pan, que posteriormente foron cocidas no propio forno.
Tratouse dun momento especialmente emotivo, xa que o forno volvía empregarse despois de case 70 anos sen uso.
A actividade reuniu persoas de distintas xeracións, que aproveitaron a ocasión para compartir numerosas lembranzas e anécdotas relacionadas co lugar e co uso comunitario dos fornos antigamente.
O domingo 2 de agosto pola tarde celebrouse un obradoiro de la e feltrado no que participaron principalmente veciñas maiores do municipio, xunto con algúns peregrinos aloxados nos albergues da vila. A proposta destacou polo seu carácter aberto e inclusivo, convidando tamén á participación das familias con nenos e nenas.
As veciñas acudiron cos seus antigos fusos e rocas, peites para cardar a la, nobelos, calcetíns e diferentes pezas elaboradas por elas na súa mocidade. A xornada converteuse nun emotivo espazo de intercambio e transmisión de saberes entre as mulleres maiores e as persoas máis novas participantes.
O programa conclúe hoxe, luns 3 de agosto, cunha xornada de portas abertas de mañá e tarde que permitirá coñecer de preto o proceso creativo desenvolvido durante os días anteriores. A actividade finalizará cunha merenda compartida na propia Casa de Eirexavella, concibida como un espazo de encontro entre participantes, veciñanza, peregrinos e visitantes.
A alcaldesa de Triacastela e presidenta da Asociación de Municipios do Camiño de Santiago, Olga Iglesias, destacou a importancia deste tipo de iniciativas "porque favorecen a participación da veciñanza e contribúen a poñer en valor o patrimonio, os espazos e as tradicións vinculadas ao noso territorio e ao Camiño de Santiago".
Un proxecto cultural con impacto social
"Trazas Vivas: Arte, Comunidade e Camiño" é unha iniciativa que aposta por impulsar procesos culturais participativos nos territorios vinculados ao Camiño de Santiago, favorecendo a implicación da poboación local e a creación de experiencias creativas compartidas.
O proxecto conta cunha axuda concedida no marco da convocatoria "Axudas destinadas a proxectos culturais con especial impacto social" do Ministerio de Cultura, á que se suma unha achega propia da Asociación de Municipios do Camiño de Santiago (AMCS).
Con vocación de continuidade, Trazas Vivas aspira a deixar como legado non só intervencións artísticas na paisaxe, senón tamén redes de colaboración, aprendizaxes compartidas, capacidades locais e imaxinarios colectivos que contribúan a reforzar o futuro cultural do Camiño de Santiago desde o coidado, a participación e o traballo conxunto entre a comunidade e a creación artística.
Comments (0)