Ir o contido principal

Presentación do volume ‘Triacastela, Refugio Real’

A alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias, presidiu hoxe a presentación do volume ‘Triacastela, Refugio Real’, financiado con cargo ao Plan Único do ano 2020 da Deputación Provincial de Lugo.

No acto, que se celebrou no Concello, participaron tamén o autor do libro, José M. Salgado, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias Fouz.

O libro, profusamente ilustrado, percorre a historia do Concello desde a prehistoria, indaga nas súas descoñecidas orixes e mostra a variada oferta cultural e turística que ofrece.

O resultado é unha obra que presenta un completo relato da Historia e do patrimonio cultural, histórico-artístico e humano do municipio de Triacastela.

O traballo recompila e apóiase na información de investigacións previas, pero achega novos datos históricos, como, por exemplo, a coexistencia de dous concellos durante a Idade Media, un na parroquia de Vilavella (que é a Triacastela que menciona o Códice Calixtino) e outro na Puebla de Triacastela (a actual capital, fundada por Alfonso IX).

A edición, moi coidada, inclúe un cento de páxinas e máis de 150 fotografías. Imprimíronse 1.000 exemplares.

O Goberno local ten previsto entregar un exemplar por domicilio de aquí a finais de ano, ademais de pasar a formar parte dos agasallos institucionais cos que conta o Concello.

Intervención da rexedora

A rexedora explicou na súa intervención que “o volume condensa e sintetiza o coñecemento, en diversos campos, que temos actualmente sobre o noso Concello. Non o esgota en absoluto, senón que máis ben é unha invitación necesaria, tanto para os propios veciños e veciñas de Triacastela, como para investigadores de diversos ámbitos académicos, a proseguir na procura de todo aquilo que esta terra e os seus veciños achegamos á Historia e Cultura de Galicia e, moi especialmente, a ese fenómeno transcendental para a identidade europea que é a peregrinación a Compostela”.

Compartir

Comments (0)