Ir o contido principal

Olga Iglesias destaca as accións de promoción levadas a cabo desde a Mancomunidade de Municipios Galegos do Camiño Francés para que a ruta siga sendo “o principal camiño a Santiago”

A alcaldesa de Triacastela cede o relevo da presidencia da entidade “satisfeita” por todo o traballo levado a cabo e por “ter axudado a mellorar unha experiencia única no mundo”

Subliña que os esforzos se concentraron en que o Camiño Francés siga a ser o destino cultural de referencia, buscando preservar e mellorar a experiencia actual e apostando polo peregrino de medio e longo percorrido  

Venres, 31 de outubro de 2025.- A alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias, vén de cumprir o seu mandato á fronte da Mancomunidade de Municipios Galegos do Camiño Francés, entidade da que foi presidenta desde febreiro do ano 2023 e ata esta mesma semana. Toma o relevo a concelleira de Turismo, Promoción Económica, Comercio e Acción Urbana de Arzúa, Begoña Balado.

Olga Iglesias recoñece estar “satisfeita” co traballo feito e destaca a gran cantidade de accións de promoción levadas a cabo desde a Mancomunidade nesta etapa enfocadas “todas elas” a que a ruta “siga sendo o principal e máis antigo Camiño a Santiago”. 

A rexedora precisa que, nestes máis de dous anos á fronte da entidade, se levou a cabo un intenso traballo, da man dos once concellos que integran a Mancomunidade (Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos, Sarria, Paradela, Portomarín, Monterroso, Palas de Rei, Melide, Arzúa e O Pino), co único obxectivo de seguir potenciando e poñer aínda máis en valor este itinerario, unha experiencia única no mundo que xa recolle o Códice Calixtino no século XIII.

Importancia dos colaboradores

Entre as accións emprendidas neste tempo, a alcaldesa destaca o convenio asinado con Turismo de Galicia para acometer moitas das acción de impulso á ruta. Tamén pon en valor a boa sintonía e colaboración entre todos os concellos membros. Cita ademais, a dotación de infraestruturas necesarias para os concellos que atravesan a ruta, ou a adaptación ás novas tecnoloxías a través do proxecto de dixitalización Camiño de Europa coa creación dunha plataforma tecnolóxica que ofrece unha maneira innovadora de contribuír ao desenvolvemento sociocultural e económico das localidades galegas que forman parte do proxecto.

Esta iniciativa, da que foron da man de diversos socios, pretende mellorar a experiencia do peregrino mediante ferramentas tecnolóxicas e busca facilitar o acceso á información e facer máis accesible os recursos e servizos ao longo da ruta. Tamén pretende achegar os produtos locais e de artesanía que se elaboran ao longo do percorrido.

Novas ferramentas

Neste tempo, a Mancomunidade presentou ademais unha primeira edición da súa nova guía dixital dispoñible en seis idiomas (galego, castelán, francés, inglés, italiano e alemán), aos que sumarán o chinés, xaponés e coreano.

Tamén se actualizou a imaxe corporativa da Mancomunidade e se presentou o documental ‘Almas do Camiño’ no que participaron nove entidades das cinco comunidades polas que atravesa a ruta, tamén no marco do plan Camiños de Europa, proxecto cofinanciado pola UE cuxo investimento supera o millón de euros.

A través deste mesmo proxecto financiouse a participación na Feira dos Camiños de Carrión de los Condes e o proxecto Camino 360ª, que inclúe desde realidade virtual ata cámaras para contabilizar o número de peregrinos.

Promoción exterior

Entre as accións de promoción exterior, as viaxes a Pistola, onde arranca unha das rutas xacobeas do Camiño en Italia; a colocación dunha pedra por cada un dos once concellos na Cruz de Ferro; os actos polo ano xubilar do Camiño Lebaniego ou a recente viaxe a Gran Canaria.

Iglesias garda un especial recordo doutras accións, como a reunión da xunta directiva da Asociación de Municipios do Camiño Francés a nivel nacional para conmemorar os 30 anos do Camiño Francés como patrimonio mundial celebrada en Triacastela ou a celebración desta efeméride por parte da Mancomunidade na Casa de Galicia en Madrid; a presenza en Fitur da entidade, así como a presentación do documental ‘Camino Francés, solo camina’, un escaparate de todo o que a ruta ten para ofrecer.

Todos os esforzos, conclúe Iglesias, estiveron encamiñados a que a ruta francesa siga a ser o destino cultural de referencia para peregrinos de todo o mundo, buscando preservar e mellorar a experiencia actual e apostando polo peregrino de medio e longo percorrido.

Compartir

Comments (0)