O xornalista, investigador e técnico do Xacobeo, Manuel F. Rodríguez, será o pregoeiro da 3ª Festa do Peregrino de Triacastela
A celebración terá lugar o vindeiro 16 de xullo e inclúe unha exposición, a presentación dun libro, música e diferentes actividades para nenos e maiores.
O Concello de Triacastela celebrará o vindeiro 16 de xullo a terceira edición da Festa do Peregrino, cuxo pregón correrá a cargo do xornalista, investigador e técnico do Xacobeo, Manuel F, Rodríguez, natural de Sarria.
O Goberno local destaca a súa dilatada traxectoria de promoción cultural, asociacionismo e investigación e, sobre todo, o seu traballo a prol da promoción e mantemento do Camiño de Santiago a través da súa participación na xestión do Plan Xacobeo.
Programa
A celebración dará comezo ás 11:30 horas coa apertura dos postos de artesanía na Praza da Deputación e animación na rúa a cargo do grupo Gaitas Xiada e Panderetas Xiadiña.
Ás 12:00 horas farase a inauguración da exposición ‘Cova Eirós’ na Fonte do Lunar.
Ás 12:30 horas levarase a cabo a presentación do libro da autora local, Mirella López Díaz, ‘Breicar en el Camino de Santiago’.
De seguido, Manuel F. Rodríguez pronunciará o seu pregón ás 13:00 horas.
Ás 16:00 horas será quenda do obradoiro creativo ‘Escultura Kaos’ e ás 17:00 horas levarase a cabo o taller de impresión de papel ‘Amorote’.
Ás 19:00 horas haberá un espectáculo de títeres tradicionais, ‘Dona barriga verde’ a cargo de Larraitz Urruzola.
A xornada remata coa actuación musical da banda de rock ‘Sound Sisters’.
A rexedora, Olga Iglesias, anima a participar neste evento que pretende ''manter viva a chama do Camiño Francés'' e enxalzar ''a tradición xacobea de Triacastela, final de etapa dende o Códice Calixtino''.
“Vai ser unha homenaxe ao Camiño e a todas as persoas relacionadas con el, tanto as da localidade como as que cada ano chegan ata Triacastela”, afirma. Destaca ademais a importancia de contar cun programa pensado para todos os públicos e de todas as idades.
Comments (0)