Ir o contido principal

O Concello de Triacastela e a Asociación Dante Alighieri asinan un protocolo de colaboración para enriquecer o diálogo cultural entre Italia e o Camiño de Santiago Francés

A alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias, e a presidenta da Asociación Dante Alighieri (comité de Vigo), Daniela Sarraino, asinaron hoxe na Casa Consistorial un protocolo de colaboración para enriquecer o diálogo cultural entre Italia e o Camiño de Santiago Francés.

Tal e como recolle o protocolo, “fomentar o intercambio cultural entre Italia e o Camiño Francés ofrece unha oportunidade única para fusionar a rica herdanza cultural, histórica e artística de ambos os países”.

O que se pretende é establecer un marco de colaboración para incentivar os vínculos culturais entre Italia e o Camiño Francés, no ámbito privilexiado do Concello de Triacastela. Desta forma poderase dinamizar un intercambio cultural elocuente e duradeiro entre Italia e o Camiño Francés, enriquecendo a experiencia tanto para os peregrinos como para os visitantes de ambas nacións.

Accións de dinamización

En concreto, o protocolo recolle varias accións de dinamización. Entre elas, exposicións Artísticas e Históricas relacionadas co Camiño e as rutas de peregrinacións italianas, a creación na Biblioteca Camilo José Cela dun espazo dedicado á presenza de Italia no Camiño, ademais da lingua e literatura italianas, a elaboración dun rexistro oral ou escrito de experiencias de peregrinos italianos que pasan por Triacastela, así como o intercambio Gastronómico e Culinario, a través da organización de eventos sobre a cociña italiana, clases de cociña e catas de viño, coa participación de expertos culinarios.

Tamén contempla a organización de actividades de investigación para fomentar e divulgar temas relacionados coa peregrinación, o patrimonio cultural e as conexións históricas entre os dous territorios e a realización de publicacións sobre temas de interese relacionados coa temática do intercambio.

Propón ademais, promover o coñecemento entre os socios da Dante Alighieri da riqueza cultural, histórica e natural do Concello de Triacastela e o entorno do Camiño Francés, entre outros.

O protocolo ten unha duración indefinida aínda que ambas as partes acordaron a súa revisión cada catro anos para introducir as modificacións que consideren oportunas.

Conferencia

Tras a sinatura, tivo lugar a conferencia a cargo de Benedict Buono, profesor titular de Filoloxía Italiana na Universidade de Santiago de Compostela “Con pan e viño faise o Camiño: A enogastronomía do peregrino italiano a Santiago (do século XVI ao século XVIII)”.

Compartir

Comments (0)