O Concello de Triacastela convida a participar na xornada ‘Camiños de Identidade’ que terá lugar o sábado 29 de febreiro
O Concello de Triacastela convida aos veciños e veciñas a participar na xornada ‘Camiños de Identidade’ que se vai desenvolver na localidade o sábado 29 de febreiro durante todo o día.
Pola mañá, a partir das 11:00 horas, o Goberno local convida aos veciños e veciñas a participar nunha ruta de sendeirismo guiada de San Mamede a Ramil que leva por nome ‘Os castiñeiros do val do Oribio’.
A saída farase da Praza do Concello. A ruta estenderase das 11:00 ás 13:30 horas.
Ao remate celebrarase unha comida para quen queira asistir nun restaurante de Triacastela para o que haberá que reservar praza.
Xa pola tarde ás 17:00 horas farase a presentación de ‘Triacastela, Camiños de Identidade’ e proxectarase un vídeo promocional do Concello. A presentación leva por título ‘O castiñeiro e a súa relación cos produtos agrarios en clave turística’. O acto desenvolverase no local social da Fonte do Lunar.
Para participar na xornada pode reservarse praza ata o 27 de febreiro no número 655 645 804 de 09:30 a 14:00 horas. A actividade é de balde (salvo o xantar) con inscrición previa ata completar o aforo. Haberá servizo de autobús desde Sarria e Samos.
Comments (0)