Ir o contido principal

O Concello de Triacastela celebrará a X Feira de Artesanía e Produtos da Zona o vindeiro sábado 24 de setembro

O Concello de Triacastela organiza para o sábado 24 de setembro xunto coa Asociacións de Artesás do Tear Atelar e a Asociación de Mulleres Rurais Tres Castros a X Feira de Artesanía e Produtos da Zona. Na cita colaboran ademais a Xunta de Galicia, o Xacobeo 2021-2022, Artesanía de Galicia e a Deputación de Lugo.

A xornada, que non se celebra desde antes da pandemia, estenderase ao longo de todo o día.

Ás 11:00 da mañá farase a apertura oficial dos postos de artesanía. Ás 12:00 horas haberá un pasarrúas a cargo da charanga Os Chafalleiros de Monterroso.

Ás 13:00 horas levarase a cabo a lectura do pregón a cargo do sarriao Saturnino Díaz Palmeiro. O Concello quere con este xesto recoñecer a traxectoria de Saturnino, moi ligada a Triacastela, onde exerceu de veterinario desde o ano 1971 ata o 1976. Nunha segunda etapa, que comezou en 1990 e durou vinte anos, volveu á localidade como inspector de saúde. Saturnino asegura que en Triacastela pasou os mellores anos da súa vida.

De seguido haberá sesión vermú para ás 16:00 horas volver desfrutar da música da charanga Os Chafalleiros polas rúas da localidade.

Ás 17:00 horas será quenda do acto literario ‘Camiños e Cantares nos eidos da bremanza: Unha peregrinación literaria, cantada e falada’ en homenaxe ao poeta Fiz Vergara Vilariño na Igrexa de Triacastela. No acto haberá música, un relatorio sobre a Cova Eirós a cargo do catedrático Ramón Fábregas, outro sobre Pilar Armesto Valiña, a cargo da xornalista Dolores Cela, e unha lectura colectiva de textos e poemas de diferentes autores galegos.

A partir das 19:00 horas haberá cantos de taberna polos locais de hostalería.

A clausura da Feira será ás 20:00 horas. Ao longo de todo o día haberá pulpeiros para quen desexe comer na localidade, ademais do servizo que ofrecen os locais de hostalería de Triacastela.

Compartir

Comments (0)