O Concello de Triacastela celebra este sábado o seu tradicional magosto cun obradoiro para nenos, pancetada e música
O Concello de Triacastela organiza o seu tradicional magosto o día 9 de novembro, sábado, cun obradoiro para nenos e nenas, pancetada e música.
A celebración dará comezo ás 15:30 co obradoiro infantil ‘Vén facer o teu peluche de castaña’ na Fonte do Lunar. A partir das 20:30 horas haberá pancetada e magosto no Polideportivo Municipal.
Ás 22:30 horas dará comezo a festa da noite coa actuación do grupo Carpe Diem.
As actividades foron programadas polo Concello de Tricastela en colaboración coa Deputación de Lugo.
Itinerario Gastronómico do Camiño Francés
O mesmo día Triacastela acolle o Itinerario Gastronómico do Camiño Francés, as III xornadas de exaltación de produtos gastronómicos dos concellos da mancomunidade, das que forman parte once administracións locais das provincias de Lugo e A Coruña polas que pasa esta Ruta Xacobea.
A partir das 20:00 horas no Polideportivo Municipal haberá unha degustación de castaña, panceta, pan, mel e queixo do Cebreiro.
Os Itinerarios Gastronómicos nacen da colaboración entre a Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés e Turismo de Galicia para promocionar os seus mellores produtos.
O obxectivo é facelo nos meses nos que hai menos camiñantes para desestacionalizar o turismo e atraer novos visitantes cando existe unha menor afluencia.
Comments (0)