O Concello de Triacastela asinará o venres o protocolo conxunto dos concellos participantes na acción ‘En Negro Contra As Violencias’
O Concello de Triacastela vén de adherirse á campaña En Negro Contra As Violencias, que o vindeiro venres día 22 levará a cabo na cidade de Lugo un acto de sinatura conxunta dos concellos participantes nesta acción. Na iniciativa, á que se suma o Concello que dirixe Olga Iglesias, xa participan 75 concellos de toda Galicia.
O Goberno local comprométese a tinguir a localidade de negro a través da colocación e entrega de material no que rece Triacastela en Negro para espallar a acción e mobilizar ao maior número posible de persoas, así como a axentes sociais e económicos.
En que consiste o proxecto?
En Negro Contra As Violencias é unha acción colectiva de sensibilización social contra as violencias machistas que xorde no 2015 en Santiago de Compostela, co impulso da sdministración local, e que ano tras ano foi medrando, involucrando a máis concellos, institucións e sectores, chegando a expandirse de xeito viral mesmo fóra de Galicia. Aínda que está latente durante todo ou ano, é sobre todo no mes de novembro, e no 25N –Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller–, cando a acción desprega a súa actividade de forma máis intensa.
Dende o seu inicio buscouse implicar o tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a cidadanía, nunha resposta colectiva de rexeitamento das violencias de xénero e mais dos asasinatos machistas.
Tamén se apostou por identificar, transmitir e incidir nos comportamentos e expresións verbais que están detrás das violencias de xénero a través do uso de materiais de campaña específicos por parte da cidadanía, empresas, establecementos comerciais e axentes sociais.
Comments (0)