Ir o contido principal

O Concello de Triacastela acolle o mércores día 6 unha reunión do GDR3 Montes e Vales Orientais

O Concello de Triacastela acolle o vindeiro mércores día 6 de novembro unha reunión dos responsables do GDR3 Montes e Vales Orientais -encargados deste Xeodestino- cos hostaleiros e empresarios do sector turístico da localidade e cos dos concellos limítrofes.

O obxectivo da xuntanza de traballo é recoller as inquedanzas do sector para traballar no deseño conxunto de produtos turísticos que poñan en valor os recursos naturais que ten o territorio.

A reunión enmárcarse no convenio que asinou o GDR Montes e Vales coa Axencia Galega de Turismo para a xestión do Xeodestino, o que traerá consigo o deseño de novas actividades de promoción turística para os concellos beneficiados por este acordo, un total de 14.

En virtude desde convenio a Xunta achega 28.000 euros ao deseño dos produtos turísticos, aos que sumar a achega dos concellos, que ascende a 7.000 euros. O GDR encárgase da xestión do Xeodestino, de promover as reunións que se están a celebrar e da labor de promoción do mesmo.

A reunión do mércores en Triacastela pretende servir como unha toma de contacto cos empresarios turísticos para ver como traballar e poder deseñar unha marca potente de produtos turísticos para a Montaña. Trátase, segundo explica a rexedor, Olga Iglesias, “de ir dando os pasos necesarios para poñer en marcha o Xeodestino”.

“É preciso identificar os recursos turísticos e traballar de forma coordinada para que os turistas se interesen pola comarca e pasen máis tempo nela”, explica a rexedora.

O encontro do mércores está aberto a todo o sector turístico, da hostalería, restauración, aloxamentos, etcétera, que desexe participar. Celebrarase as cinco da tarde no Concello de Triacastela.


 

Compartir

Comments (0)