A furgoteca, a nova biblioteca móbil da Xunta, levará os seus á veciñanza de Triacastela
A furgoteca, o novo servizo de bibliotecas móbiles da Xunta de Galicia, botará a andar a finais deste mes nun total de 20 concellos das provincias de Lugo e Ourense, entre eles o de Triacastela. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, durante a súa presentación onde se deu a coñecer a imaxe dos vehículos que itinerarán polos concellos.
Como expresou, a medida permite “seguir avanzando” no propósito de “garantir o acceso da cultura a todos os galegos e estender estes servizos a todo o territorio” con iniciativas que cubrirán as necesidades da poboación en igualdade de condicións dando resposta aos obxectivos do Plan Xeración Cultura, a folla de ruta dotada con 34 M€ coa que o Goberno galego acompaña a expansión do sector cultural a través dunha batería de medidas para a innovación, modernización, dixitalización e acceso universal á cultura.
Román Rodríguez explicou o funcionamento das bibliotecas móbiles que viaxará dúas veces ao mes a cada un dos concellos. Organízase de tal xeito que un dos días A furgoteca se asentará nos lugares de maior afluencia de público, onde se celebran feiras e mercados e hai centros de saúde, residencias, pavillóns de deportes ou centros socioculturais. O segundo día a biblioteca móbil realizará un percorrido polos núcleos e aldeas para ofrecer un servizo personalizado porta a porta.
En 20 concellos
En total, entra en funcionamento en 20 concellos. En concreto, en Lugo estará nos de Baleira, Cervantes, Folgoso do Courel, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela. En Ourense, en Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Castrelo do Val, Cualedro, A Gudiña, Laza, Oímbra, Trasmiras e Vilardevós. Os días, horarios e lugares de parada poderán consultarse na páxina web https://www.cultura.gal/furgoteca, nos lugares de información habituais do concello ou a través das redes sociais.
“Desde tramitar un carné de usuario ata coller en préstamo un libro ou unha revista ou acceder a internet, A furgoteca ofrecerá distintos tipos de servizo para atender do xeito máis completo as necesidades da cidadanía”, indicou Román Rodríguez. Así, a colección inicial nace con 500 exemplares de libros, pero tamén películas, música ou xogos físicos e dixitais así como publicacións periódicias como revistas e xornais. Esta colección poderá ir medrando polas bibliotecas centrais territoriais de referencia en cada caso (Lugo e Ourense) a través do préstamo entre bibliotecas.
Na furgoteca tamén se poden facer os trámites de expedición de carnés de usuario, préstamo e devolución, formación nos sistemas de préstamos dixitais, así como distintas actividades de formación. Teñen conexión a internet, equipos informáticos portátiles e impresora tanto para a persoa encargada da prestación do servizo como para o uso dos usuarios. As bibliotecas móbiles dispoñen, ademais, de persoal de atención cun perfil técnico especialista en ocio educativo e animación sociocultural.
Intensa actividade cultural
Esta iniciativa ven acompañada dunha intensa actividade cultural. De xeito, está previsto que conten con programación de periodicidade estable que inclúa clubs de lectura, contacontos, encontros con autores locais, entre outras, para o que se buscará a colaboración cos centros educativos tanto a través de equipos docentes como a través de bibliotecas escolares e do tecido asociativos.
Con esta medida, a Xunta continúa a reforzar o sistema bibliotecario galego que, segundo o II Mapa de Bibliotecas Públicas, está composto por un total de 295 servizos bibliotecarios con máis de 6,6 millóns de exemplares, 17.000 postos de lectura e máis de 4.100 postos informatizados. En datos de poboación, un 94,4% da poboación conta con servizo bibliotecario no seu concello. A furgoteca busca precisamente cubrir o resto.
Comments (0)