Ir o contido principal

A XUNTA INVISTE CASE 35.000 € NA HUMANIZACIÓN DA CONTORNA DA ANTIGA FERRERÍA EN TRIACASTELA

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá o concello de Triacastela para comprobar o resultado da humanización executada na contorna da antiga ferrería, que serve de entrada ao pobo e tamén de saída do Camiño Francés por San Xil, grazas a un convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello.

Acompañada pola alcaldesa Olga Iglesias, a responsable autonómica explicou que o investimento realizado ascendeu a 49.917,03 euros, dos cales uns 35.000 euros foron achegados polo seu departamento e os outros 15.000 euros, pola Administración local.

Este ano, a Xunta continuará colaborando economicamente cos concellos para levar a cabo actuacións coma esta. A tal fin, segundo avanzou a conselleira, reservaranse 7 millóns de euros para proxectos que contribúan a habilitar ou mellorar equipamentos públicos municipais e poñan en valor as contornas urbanas das vilas galegas.

O proxecto executado en Triacastela tiña como fin acadar unha humanización integral da marxe dereita da avenida Camilo José Cela, localizada nas proximidades do Camiño de Santiago e na contorna da antiga ferrería. Para logralo, acometeuse a pavimentación en pedra da zona, dotándoa ademais de beirarrúas amplas e seguras, e colocáronse muros de mampostería en sintonía coa contorna e primando os materiais propios da zona para xerar un impacto visual positivo.

20220124-01

 

Tamén se levou a cabo unha mellora dos servizos existentes, coa renovación do alumeado público, a substitución da rede de pluviais, a remodelación do firme e a instalación de nova sinalización. Así mesmo, unha das actuacións máis visibles consistiu na execución dunha escaleira de acceso desde o ramal 1 cara á zona peonil da avenida.

Un programa xa consolidado

Cómpre lembrar que a actuación acometida no concello de Triacastela enmárcase no chamado Plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta hai xa 12 anos co obxectivo de axudar ás entidades locais a executar distintos tipos de proxectos urbanísticos destinados á creación, mellora e humanización de infraestruturas de uso público e colectivo.

Neste sentido, Ángeles Vázquez subliñou que ese esforzo de cooperación entre a Xunta e os municipios galegos se traduciu ata o de agora nun investimento de preto de 150 millóns de euros por parte do Goberno galego, grazas aos cales xa se cofinanciaron en toda Galicia case 320 actuacións urbanísticas.

20220124-02

 

Estas cifras avalan o éxito e a consolidación do programa, como subliñou a conselleira, que garantiu que o seu departamento manterá esta liña de cooperación cos concellos para poñer á disposición dos cidadáns mellores espazos e servizos públicos, vilas máis accesibles e contornas urbanas humanizadas e máis acolledoras.

Por último, tamén a alcaldesa de Triacastela subliñou a importancia deste tipo de actuacións para os concellos galegos, que no seu caso concreto permitiu humanizar a entrada ao pobo e á vez, “dotar de servizos” ás vivendas da zona. “Creo que as persoas que pasen por Triacastela de camiño a Santiago van levar un recordo moito mellor do noso pobo grazas a esta intervención nas inmediacións da avenida Camilo José Cela e no coñecido como Camiño Vello”, declarou.

 

Compartir

Comments (0)