PREGÓN 3ª FESTA DO PEREGRINO DE TRIACASTELA
Dous recordos para comezar.
Un deles, para Jorge López, para que se recupere dos seus achaques de saúde e siga sendo o servizal faro de tantos peregrinos e peregrinas que, tras pasar por Triacastela, entran en Sarria, a miña terra, facendo a primeira parada na asociación local de Amigos do Camiño. Unha asociación que agora é tamén, por certo, unha das impulsoras da Federación española de Asociacións de Amigos do Camiño Francés, que se propón recuperar o protagonismo xacobeo en parte perdido, inxustamente, por esta ruta imprescindible. Pero o que ía dicir: que Jorge se recupere axiña para eses camiñantes aos que tantas dúbidas e problemas leva resoltos e que xa o converteron no sarriao máis querido en máis partes do mundo.
E o segundo recordo, para Víctor López Villarabid, falecido en 2009. El foi o primeiro xornalista que percorreu estas terras de Triacastela á busca incansable de cantos peregrinos, peregrinas ou grupos de peregrinos singulares, e a poder ser, estranxeiros, que xa pasaban por aquí con certa frecuencia alá polos anos setenta e oitenta. Como xornalista caza-noticias que tamén fun, sinto solidariedade e tamén admiración, pois grazas a Víctor, conservamos testemuñas preciosas do definitivo renacer do Camiño, culminado nos anos noventa.
... Propóñovos un breve reto. Imaxinade comigo que ningunha das construcións que nos rodean existise... Imaxinade que aquí só vísemos unha natureza desbordante por todas partes... Imaxinade, por último, que estamos hai uns trinta ou corenta mil anos atrás... Pois ben, xa daquela estas terras -aí está Eirós como proba- eran o lugar escollido de paso ao último oeste polos cromañóns, que aínda que soe así como feo e raro, ben sabes que é a nosa especie, o homo sapiens, que vista a actual invasión de Ucraína e outras lindezas polo estilo, de sapiens debemos ter ben pouco.
En fin, o que pretendo dicir é que algún tipo de forza gravitacional, amable e secreta, debe posuír esta ondulante sucesión de montes e outeiros que nos circunda, pois non só atraeu cara a ela, como lugar de paso e asentamento, a aqueles primeiros humanos procedentes de Eurasia... Volverá facer o mesmo desde a Idade Media, elixida esta vez por peregrinos e peregrinas de media Europa para adentrarse en Galicia a través do Camiño Francés, o definitivo camiño sagrado ao oeste final. Con el, as terras de Triacastela confirmáronse definitivamente como o exuberante anfiteatro desde o que os viaxeiros chegados das máis longas distancias descubrían, absortos, o seu primeiro día pleno por Galicia, a terra-meta. Superado O Cebreiro, a baixada que se inicia ata aquí era e é un escenario das emocións.
E como esta é a Festa de homenaxe aos peregrinos, quero que sexan eles os que vos falen de Triacastela. Menciono, por razóns de tempo, só media ducia de exemplos. Pero, en xeral, advírtese que quedaron admirados de Triacastela e, sobre todo, moi agradecidos, pois malia recoñecer algún as necesidades que por aquí se padecían en tempos xa distantes, case sempre recibían a máxima hospitalidade posible.
O primeiro que menciono é o o carmelita italiano Giacomo Antonio Naia. Pasa por aquí en 1718 e comeza dicindo que Triacastela é unha “localidade boa”. Quizais o diga, pillabán, polo que segue, e leo textual: “O cura pagoume a misa e deume un moi bo almorzo”. E non acaba aí a cousa: conta deseguido que saíu con moitísima neve e pensou varias veces que ía perder a vida, ata que descubriu un bo home destas terras que -escribe- “veu na miña axuda e salvoume a vida”.
Cito en segundo lugar o bohemio poeta francés Germain Noveau, que pasa por aquí camiño de Santiago en 1906, e queda tamén admirado pola acollida que recibe, neste caso, nunha casa labrega.
Vou agora aos anos cincuenta do século XX, con Walter Starkie, irlandés, que fixo o Camiño cando menos dúas veces. En Triacastela fai, como Naia, boas migas co párroco, e con Labrador, o seu can. E escribe admirado que o cura, que non se sorprende de velo pasar a pé como peregrino, recítalle as alusións do Códice Calixtino no século XII a Triacastela, ¡e coméntalle o seguinte!: “-Estou fastidiado porque, como este ano é Ano Santo (1954), chegan aquí peregrinos en tan gran número en autocares, coches e a pe, que a aldea (sic) é incapaz de atendelos” Cousa que Starkie corrobora ao instante: “Mentres falabamos -apunta- detívose un autocar do que baixaron uns corenta peregrinos, a maioría deles, mulleres francesas ás que lles prepararan alí a comida”. En fin, que quen siga supoñendo que isto do renacer do Camiño é cousa de hai dúas ou tres décadas, que lle dea unha voltiña...
Tamén pasou por aquí, como quizais recordedes algúns, a actriz norteamericana Shirley MacLaine. Foi en 1994, pero ela apenas tivo tempo de gozar de Triacastela porque ao chegar aquí afirma sentirse perseguida de pronto por una restra de xornalistas e escapa pola porta de atrás dun restaurante… Xa estou Imaxinando a Villarabid, inaccesible ao desalento, como o máis sagaz de todos eses xornalistas, pois resultou ser o único que logrou tomar unhas fotos da actriz escapando semioculta por detrás duns coches.
Remato estas referencias con outro peregrino, este superfamoso en Alemaña, de onde é natural. Refírome ao humorista Hape Kerkeking, que cruzou Triacastela en 2001. O froito da súa experiencia no Camiño foi Bueno, me largo, o libro dedicado a ruta xacobea máis vendido, cuns 4 millóns e medio de exemplares. Pois ao chegar aquí, Kerkeling vai ao albergue público, pero resulta que é un día de moita choiva e está ata os topes, con xente desesperada por un recuncho onde pasar a noite. Ante este panorama, Kerkeling opta por irse de alí, e algo frustrado ironiza cun humor alemán que segundo unha boa amiga -alemá- a nós os galegos se nos escapa, que “Triacastela é a única poboación que conserva un cárcere para peregrinos. Aquí a xente tolea por pasar a noite”.
En fin, bromas alemás de Kerkeling aparte, que vive diso e ten que facelas, veñan ou non a conto, esta Festa do Peregrino é un acto de xustiza de Triacastela para cos seus camiñantes sen fronteiras. E neste sentido, algo que me preocupa...
Eu respecto a cantas persoas realizan a ruta xacobea, sexa polo motivo que sexa e sexa desde onde sexa, incluídas aquelas que escollen realizar só os seus últimos 100 km. Respéctoos porque é unha cuestión de liberdade. Que vaia isto por diante. Pero sinto pena que na actualidade a maioría deses peregrinos, aínda podendo, realice esta ruta só desde a miña querida Sarria. Non é só que o Camiño de Santiago teña historicamente un sentido alleo por completo a iso. E tamén canto se perden antes! Entre outras cousas, esta Triacastela única, esta primeira conexión plena con Galicia.
Resulta evidente, a pouco que se coñeza a historia da ruta xacobea, que sen os peregrinos das longas distancias nin habería Camiño nin quizais existiría a propia Triacastela. Desde logo, non existiría esa Triacastela que, sen perder a esencia dunha pequena vila, ten a sorte, grazas a esta Ruta, de ser lugar de encontro universal. Non podemos perder o sentido do Camiño como unha vía transversal por Europa cuns valores únicos no mundo. Un Camiño sempre aberto que naceu uns cinco séculos antes que os Anos Santos Composteláns, eses Anos que foron froito do Camiño e non ao revés, como hoxe ás veces parece darse a entender.
Outro autor best-seller da ruta xacobea co seu libro O Camiño Inmortal, o francés Jean-Christophe Rufin escribía en 2014 que “é un erro o algo cómodo pensar que unha viaxe así [a viaxe polo Camiño] non é máis ca unha viaxe e que se pode esquecer, relegala a un caixón”. Pois ben, Ruffin, escribe esta reflexión ao rematar o Camiño e tras pensar antes xusto o contrario. Iso é o Camiño. Preservemos ese misterio. É a riqueza que permanecerá. A riqueza para todas as demais riquezas.
Manuel F. Rodríguez
Comments (0)