Urbanismo


TRIACASTELA, PASO OBRIGADO NA PEREGRINAXE A SANTIAGO

A orixe da vila de Triacastela está estreitamente ligada á secular peregrinaxe a Santiago, é dicir, naceu á beira mesma do Camiño, e como tal posúe unha estrutura urbanística lonxitudinal artellada ao longo do mesmo, no que na actualidade está formado por varias rúas consecutivas: a Rúa do Peregrino, a Praza da Igrexa, a Rúa Leoncio Cadórniga Carro e a Avenida Camilo José Cela, ao fondo da cal o peregrino pode elixir continuar ata Sarria por dúas variantes, por A Balsa-San Xil ou por Samos.

A estrutura lonxitudinal do núcleo de Triacastela complétase coa Avenida de Castela (estrada LU-633), situada á dereita, e co Camiño de Suavila, situado á esquerda.

Asimesmo, as tres vías principais están interconectadas entre sí por numerosas rúas estreitas e de corto recorrido coñecidas co nome de VIELAS.

A continuación deste panel, sito na rúa do Peregrino, atópase a Praza da Igrexa, pequeno espazo urbanístico que se abre á esquerda para aloxar no fondo a igrexa parroquial de Santiago de Triacastela co seu cemiterio. A través dunha pequena rúa, coñecida como Viela da Igrexa, accédese ao Camiño de Suavila, non sin antes pasar por xunto do mosaico feito polo artista sarriano José Díaz Fuentes.